I Roteiro Fotográfico Urbano Terra Emprende
Miradas sobre A Estrada

O pasado 29 de maio, no marco da feira Terra Emprende, organizada por Mícora - Rede de Autoemprego, un grupo de persoas reunímonos para percorrer as rúas da Estrada cun obxectivo moi sinxelo: mirar con máis atención.
A actividade foi deseñada para que calquera persoa puidese participar, independentemente do seu nivel de coñecementos sobre fotografía e do equipo dispoñible. As fotografías desta exposición foron realizadas con teléfono móbil durante o roteiro polos propios participantes, demostrando que a creatividade, a observación e a capacidade de interpretar o entorno son moito máis importantes que a ferramenta empregada.
Así, durante aproximadamente 45 minutos, exploramos diferentes recursos fotográficos, falamos de composición, luz, perspectiva e narrativa visual. Pero, sobre todo, exercitamos algo fundamental en fotografía: a capacidade de observar.
O inicio do roteiro


Estas dúas primeiras imaxes, captadas por Sergio Casal nos minutos iniciais do roteiro, recollen o punto de partida da actividade: a reunión na parte posterior do Concello da Estrada, na Alameda, onde compartimos as primeiras indicacións.
Foi aquí onde expliquei o desenvolvemento da sesión e o sentido da proposta: non se trataba de buscar a “foto perfecta”, senón de activar a mirada. Ao longo do percorrido, cada participante ía construíndo o seu propio relato visual a partir do que lle chamaba a atención, sen necesidade de experiencia previa nin de equipamento especializado.
Neses primeiros minutos falamos de cuestións moi sinxelas pero fundamentais en fotografía: como coidar os encadres, como aproveitar os puntos de vista diferentes, a importancia dos puntos de fuga para guiar a mirada, a posibilidade de achegarse ao detalle a través da macrofotografía e, sobre todo, como entender a luz como unha ferramenta expresiva máis ca como unha condición técnica.
Máis que unha explicación teórica, foi unha invitación a observar con intención. A partir de aí, o roteiro comezaba realmente.
As miradas dos/as participantes
Pablo Osorio
O círculo das rodas
Pablo construíu e presentou unha serie de catro fotografías en horizontal, cunha temática moi definida arredor das rodas. A partir dun elemento aparentemente sinxelo e cotián, explora diferentes situacións e encadres, combinando variedade visual cun uso consciente de recursos compositivos como a regra dos terzos ou a dirección da mirada, regra que tamén se permite romper nunha das imaxes.
Un exemplo de como unha idea clara pode converterse no fío condutor dunha serie fotográfica.


Beatriz Gil
Mirando cara arriba
Betty apostou por cambiar o punto de vista habitual e observar a vila desde abaixo cara arriba con catro fotos en formato vertival. A través dunha serie de contrapicados, pon en relación elementos urbanos, vexetación e arquitectura, creando imaxes que obrigan a deter a mirada en detalles que normalmente pasan desapercibidos.
Un exercicio de observación e composición moi coherente de principio a fin.
Destaca a impoñente imaxe dun dos símbolos máis representativos da Estrada, como é A Farola, que se xunta, neste contrapicado, cun dos edificios máis antigos e emblemáticos desta praza.


Seu Bermúdez
Xogando co espazo
A proposta de Seu combina observación, xogo e experimentación en cinco fotos verticais. A súa pequena secuencia arredor do círculo gravado no pavimento introduce unha dimensión narrativa e participativa pouco habitual, mentres que o resto das imaxes exploran cuestións tan distintas como o movemento da auga ou a identidade persoal a través do reflexo.
Unha serie diversa que transmite curiosidade e vontade de explorar novas posibilidades expresivas.




Niko Míguez
Explorando a mirada
Niko optou por unha serie de catro fotografías en formato cadrado (1:1), sendo o único participante que escolleu este encadre para presentar o seu traballo. A súa proposta funciona como un percorrido polos distintos recursos que fomos comentando ao inicio do roteiro: o xogo entre luces e sombras en situacións de contraluz, a busca das perspectivas a través dos puntos de fuga, a captura do movemento e a experimentación con puntos de vista pouco habituais.
A serie destaca precisamente pola súa variedade, explorando diferentes formas de observar e interpretar un mesmo espazo urbano. Un exercicio de experimentación no que cada fotografía propón unha maneira distinta de achegarse á realidade que nos rodea.


Lucía López
A atención aos pequenos detalles
A proposta de Lucía, presentada con tres fotografías en formato vertical e unha en formato horizontal, céntrase na capacidade da fotografía para descubrir elementos que adoitan pasar desapercibidos no día a día. A través dunha serie dominada pola flora urbana, detense en formas, texturas e cores presentes nos espazos públicos, demostrando que non sempre é necesario buscar grandes escenarios para atopar motivos fotográficos interesantes.
A serie complétase con dúas imaxes que incorporan a presenza humana, establecendo unha relación entre as persoas e o entorno no que se desenvolveu o roteiro. Unha mirada sensible e observadora que pon en valor a importancia de reparar nos pequenos detalles que forman parte da paisaxe cotiá.


Olga Mella
Entre o detalle e o reflexo
A proposta de Olga reúne tres fotografías en formato vertical (9:16), moi diferentes entre si, pero unidas pola atención aos pequenos detalles e ás posibilidades creativas da observación. Desde a delicadeza dunha fotografía macro dun par de margaridas ata a personalidade dun curioso cartel urbano cargado de personalidade, a serie complétase cun autorretrato realizado a través dun reflexo nun escaparate, unha imaxe que xoga coa superposición de planos e coa presenza da propia Olga dentro da escena.
Unha selección que combina detalle, curiosidade e experimentación, explorando distintas formas de interpretar o espazo urbano.


Unha mesma vila, moitas formas de mirar
Ao longo deste pequeno percorrido aparecen detalles, perspectivas, reflexos, xogos compositivos, escenas urbanas e elementos que forman parte da paisaxe cotiá da Estrada. O interesante non é só o que se fotografou, senón comprobar como un mesmo espazo pode dar lugar a interpretacións tan diferentes.
Cada participante construíu o seu propio relato visual a partir dos recursos e propostas compartidas durante o roteiro, demostrando que a fotografía non consiste unicamente en rexistrar o que vemos, senón en decidir como queremos miralo.
Esta pequena exposición colectiva é tamén unha mostra do que pode acontecer cando nos permitimos dedicar uns minutos a observar con máis atención o entorno que nos rodea. Porque, ás veces, os lugares máis coñecidos aínda gardan imaxes sorprendentes para quen se detén a buscalas.
Esta exposición virtual forma parte das actividades desenvolvidas no marco de Terra Emprende – Xornadas de Crecemento e Cooperación, unha iniciativa impulsada por Mícora - Rede de Autoemprego co apoio de Acción contra a Fame e do Concello da Estrada.