Fotografía de interiorismo e arquitectura nun proxecto con alma rural
A Casa de Abaixo é un fermoso exemplo de recuperación arquitectónica no rural galego, onde tradición e comodidade camiñan da man. Unha vivenda de turismo que respecta a esencia das antigas casas de aldea, pero adaptada cunha mirada contemporánea e cálida. Pedra, madeira e elementos de deseño actual conviven aquí con naturalidade, creando un espazo acolledor e cheo de carácter.
O percorrido pola vivenda lévanos por estancias amplas e modernas, con pezas recuperadas e decoración coidada que dialogan coa natureza exterior. Un lugar pensado para o descanso, a calma e o desfrute dun entorno privilexiado.
Fotografar A Casa de Abaixo foi unha experiencia moi especial. A luz, os materiais e a harmonía do espazo ofrecéronme múltiples posibilidades para retratar a súa esencia con honestidade. Un proxecto que me permitiu captar o espírito dunha casa feita para ser vivida.