Centro de Saúde da Estrada
O novo Centro de Saúde da Estrada, situado na avenida Benito Vigo, destaca pola súa arquitectura contemporánea, cun deseño de liñas limpas, volumes horizontais e amplas superficies acristaladas que lle achegan unha imaxe actual e luminosa.
O proxecto foi deseñado polos estudos Vázquez Muíño e Naos Arquitectura, e a construción correu a cargo da UTE Puentes-Ogmios. As obras remataron en 2020.
Unha das características máis singulares do edificio é a súa planta en forma de U, que dá lugar a unha praza de acceso arredor da que se organiza boa parte do conxunto. Esta disposición non só responde a cuestións funcionais, senón que tamén contribúe a crear un espazo de entrada máis aberto e amable, no que a arquitectura se relaciona co seu contorno.
A sesión fotográfica realiceina durante a hora dourada, aproveitando a luz cálida do sol sobre as fachadas, os reflexos nos cristais e as sombras que se proxectan sobre os volumes. Unhas condicións que axudan a destacar a xeometría do edificio, os seus diferentes planos e o contraste entre os materiais.