Destilerías Pepe Albela: arquitectura, esencia e territorio
Nunha contorna privilexiada do rural galego, as Destilerías Pepe Albela destacan pola súa aposta pola calidade, o deseño e o respecto pola tradición. Fotografar este proxecto permitiume acceder á alma dun lugar onde cada espazo conta unha historia, onde cada detalle está pensado para harmonizar co entorno.
Desde o primeiro momento souben que esta sería unha sesión especial. O conxunto das destilerías —repartidas entre diferentes edificacións situadas en Vedra— forma un proxecto coherente, elegante e profundamente galego. Aquí conviven con naturalidade arquitectura tradicional e modernidade, nun diálogo constante coa paisaxe e co legado familiar que dá sentido a todo.
A destilería de whisky destaca pola súa sobriedade, polas pedras e madeira que a integran con discreción no entorno. Moi preto atópase o Centro de Envellecemento do Ron, nunha antiga casa familiar restaurada con mimo, onde os interiores respiran calma e carácter. Pero se hai unha xoia neste percorrido, é a destilería de xenebra, unha construción moderna en cristal e madeira que abre o espazo á luz e ao verde que a rodea. Neste lugar tiven tamén a oportunidade de explorar outras atmósferas visuais: dende fotografías exteriores durante a hora azul, ata interiores máis íntimos, xa entrada a noite, iluminados exclusivamente con luz artificial.
Este proxecto foi unha oportunidade para explorar a fotografía de arquitectura e interiorismo dende unha óptica que tamén valora a identidade local, o detalle e o coidado pola estética. Un proxecto que mestura produto, paisaxe e arquitectura, e que representa moi ben o tipo de espazos nos que máis desfruto traballando.