A Vía Verde e os túneles da Pontenova

Xeral - Comentarios -

A LUZ AO FINAL DO TÚNEL:

Camiñando pola Vía Verde da Pontenova

Juan Carlos Asorey fotografía - a_pontenova_senda_verde_ferrocarril1-ts20250630151654638852.jpg

Luz, cor e historia na Pontenova

Hai lugares que chegan sen ruído, sen grandes promesas nin reclamos turísticos, pero que se acaban quedando na memoria como se formasen parte dun descubrimento persoal. Así foi para min a vía verde da Pontenova. Cheguei sen expectativas e marchei coa sensación de ter vivido unha experiencia intensa, visual e física, que mestura natureza, memoria industrial e camiños que se adentran no escuro para saír á luz entre bosques e paisaxes de conto.


Un lugar no mapa: A Pontenova

Situada no leste da provincia de Lugo, moi preto da fronteira con Asturias, A Pontenova é unha vila que sorprende pola súa historia industrial, pola súa contorna natural e por como ambas cousas conviven con discreción e carácter. O río Eo marca o seu curso entre montañas e vales, deixando ao seu paso unha paisaxe verde e ondulada que invita a perder o tempo, ou a atoparse con el.

Juan Carlos Asorey fotografía - a_pontenova_senda_verde_ferrocarril2-ts20250630152226308727.jpg

Contorna da Pontenova. Simplemente espectacular...


Memoria de ferro e fume

Antes de ser ruta de sendeirismo, todo este camiño foi ferro. A Pontenova naceu e medrou ao redor da súa antiga ferrería, impulsada pola riqueza mineira da zona e pola necesidade de transformar o mineral en produto.

Juan Carlos Asorey fotografía - a_pontenova_senda_verde_ferrocarril9-ts20250630160343879654.jpg

.

Juan Carlos Asorey fotografía - a_pontenova_senda_verde_ferrocarril10-ts20250630160350578594.jpg

.

Juan Carlos Asorey fotografía - a_pontenova_senda_verde_ferrocarril11-ts20250630160402835567.jpg

Antiga ferrería da Pontenova e dependencias anexas

As chemineas de ladrillo que se alzan no centro do pobo son testemuñas dunha etapa mineira que marcou o desenvolvemento da vila. Son os restos visibles das antigas ferrerías e fornos de calcinación que funcionaban a pleno rendemento a comezos do século XX. Non son só unha estampa curiosa ou un fondo para fotos singulares, senón parte esencial do relato que explica a existencia da vía verde.

Desa etapa industrial consérvanse ademáis outros vestixios que tamén forman parte da súa historia. Un exemplo é a antiga estación de tren de Vilaoudriz, hoxe reconvertida en punto de información turística e inicio da vía verde.

Juan Carlos Asorey fotografía - a_pontenova_senda_verde_ferrocarril3-ts20250630153304980788.jpg

Fornos de calcinación 

Juan Carlos Asorey fotografía - a_pontenova_senda_verde_ferrocarril4-ts20250630191541508852.jpg

Antiga estación do ferrocarril de Vilaodriz, na actualidade Oficina de Turismo da Pontenova

Todo este conxunto industrial non é só ruína ou testemuño do pasado: é tamén memoria viva dun territorio que soubo reinventarse sen renegar do que foi. E é precisamente esa convivencia entre o que queda e o que se transforma o que lle dá á Pontenova a súa personalidade tan marcada.

A vía verde e os túneles: seguindo as pegadas do ferrocarril

Juan Carlos Asorey fotografía - a_pontenova_senda_verde_ferrocarril16-ts20250630161713629499.jpg

A vía verde da Pontenova é, en realidade, o que queda do antigo trazado ferroviario que unía as minas de Vilaoudriz co porto de Ribadeo. Hoxe, o que antes transportaba ferro, leva camiñantes, ciclistas e curiosos que deciden seguir o seu rastro entre bosques, pontes de ferro e pasos escavados na montaña.

Juan Carlos Asorey fotografía - a_pontenova_senda_verde_ferrocarril12-ts20250630160943620640.jpg

Túnel Asela (173 m.)

Juan Carlos Asorey fotografía - a_pontenova_senda_verde_ferrocarril13-ts20250630160956290986.jpg

Túnel Carriceiro (132 m.)

Juan Carlos Asorey fotografía - a_pontenova_senda_verde_ferrocarril14-ts20250630181129704421.jpg

Túnel de Pedrido ou Piagolongo (232 m.)

O traxecto enteiro supera os doce quilómetros, pero o que realmente o fai especial son os seus túneles: escuros, frescos, longos, con ese eco característico que transforma cada paso nunha experiencia sensorial. A luz ao final de cada túnel non é só unha metáfora; é parte do encanto. Cada saída ofrece unha nova escena: unha curva entre árbores, un claro no monte, ou o rumor do río máis abaixo.

Juan Carlos Asorey fotografía - a_pontenova_senda_verde_ferrocarril15-ts20250630161413518925.jpg

Outra imaxe do túnel de Pedrido

Juan Carlos Asorey fotografía - a_pontenova_senda_verde_ferrocarril17-ts20250630161432589963.jpg

Túnel Volta (90 m.)

Juan Carlos Asorey fotografía - a_pontenova_senda_verde_ferrocarril18-ts20250630161445694616.jpg

Entrada ao túnel Volta

Hai algo de introspectivo no feito de atravesar tantos túneles seguidos, como se un entrase e saíse de pequenas cápsulas do tempo. É unha paisaxe cambiante pero tamén repetitiva, hipnótica, que fai que un se deteña e observe. É imposible non deixarte atrapar pola luz filtrada, polos contraluces e polas texturas da pedra mollada.

Outro dos símbolos máis recoñecibles do lugar é a ponte colgante Piago Maior, que cruza o río Eo nun paso que vai moito máis alá da súa función práctica. Cruzala é case un rito para quen se achega a coñecer esta ruta. O seu bambán suave ao paso e as vistas do río desde as alturas deixan unha sensación difícil de esquecer, tanto para quen vai comezando a camiñada como para quen regresa ao final do percorrido.

Juan Carlos Asorey fotografía - a_pontenova_senda_verde_ferrocarril20-ts20250701084408270496.jpg

Ponte colgante Piago Maior

Moi preto de alí atópase tamén o Refuxio de pescadores Piago Maior e a súa presa con escala salmoneira, outro punto singular que fala da relación entre este territorio e o río que o atravesa.

Juan Carlos Asorey fotografía - a_pontenova_senda_verde_ferrocarril19-ts20250630162152439482.jpg

Presa de escala salmonieira no refuxio de pescadores Piego Maior


Aldeas que gardan a memoria

Ao longo da ruta, fóra dos túneles e dos restos do trazado ferroviario, espállanse pequenas aldeas que manteñen viva a identidade destas terras. Entre todas elas, destaca Vilarxubín, un lugar que semella detido no tempo. As súas casas de pedra, os camiños estreitos, as cortes, os hórreos e mesmo algunhas construcións abandonadas, falan dun xeito de vida que, malia o paso do tempo, aínda resiste.

Juan Carlos Asorey fotografía - a_pontenova_senda_verde_ferrocarril5-ts20250630181443170790.jpg
Juan Carlos Asorey fotografía - a_pontenova_senda_verde_ferrocarril7-ts20250630181506852141.jpg

Non é só a arquitectura o que chama a atención, senón a maneira en que o entorno está integrado co territorio: as casas aparecen encaixadas entre soutos e pendentes, e todo semella posto alí con naturalidade. Pasear por Vilarxubín —ou simplemente deterse a mirar— é unha experiencia que convida á pausa, ao silencio, á contemplación.

Juan Carlos Asorey fotografía - a_pontenova_senda_verde_ferrocarril6-ts20250630181727100881.jpg
Juan Carlos Asorey fotografía - a_pontenova_senda_verde_ferrocarril8-ts20250630181735621761.jpg

E como ela, hai outras aldeas espalladas polos arredores da Pontenova que conservan ese mesmo espírito. Non están feitas para a presa, senón para quen sabe mirar con calma. Son parte do encanto destas montañas: discretas, resistentes, teimudas, como a xente que as habitou e as habita.


Camiñando entre ecos e luz

A ruta pola vía verde da Pontenova non é só un paseo entre túneles e árbores. É tamén unha viaxe polo tempo, polos restos dunha industria que marcou unha paisaxe e por historias que aínda resoan nas aldeas e nos nomes dos lugares. Ao longo do camiño, un vai descubrindo que aquí o silencio fala, que os ecos teñen memoria e que a luz ao final de cada túnel sempre agocha unha nova paisaxe.

Fotografías: ©Juan Carlos Asorey


A fotografía profesional pode marcar a diferenza na percepción dos teus proxectos. Se queres imaxes que transmitan profesionalidade, calidade e impacto, estou aquí para axudarche. Contacta comigo e vexamos como realzar a túa visión a través da fotografía.


Compartir 

Deixa o teu comentario
O teu enderezo de correo electrónico non será publicado

5 + 6 =
Últimas entradas
Categorías
Ver anterior