FAROS GALEGOS:
A luz do Atlántico, da Costa da Morte a Ortegal

Anoitece no Faro Vilán
Continuamos o percorrido pola xeografía costeira de Galicia a través dos seus faros. Se na primeira entrega nos achegamos aos faros da provincia de Lugo e das Rías Baixas, nesta segunda parte centrámonos na provincia da Coruña. Un territorio marcado pola forza do Atlántico, polos seus acantilados espectaculares e por unha longa tradición mariñeira.
Aquí atopamos algúns dos faros máis emblemáticos do país, situados en lugares de difícil acceso e beleza salvaxe, desde a Costa da Morte ata o cabo Ortegal. Unha costa que fala do mar en toda a súa intensidade, e onde a arquitectura dos faros se integra nunha paisaxe que impresiona e conmove a partes iguais.
No cabo Ortegal, onde o Atlántico e o Cantábrico se dan a man, érguese un dos faros máis septentrionais da península. As vistas sobre os acantilados e os famosos Aguillóns fan deste punto un espectáculo natural abraiante.

Faro de Ortegal, un lugar moi visitado
Destaca pola súa forma moderna e pola súa localización entre a lagoa da Frouxeira e o océano. Cun deseño pouco habitual, é diferente á maioría dos faros galegos. Moi recomendable en días de temporal.

Vista do Faro de Punta Frouxeira desde a praia do mesmo nome
Faro do Roncudo
En Corme, o pequeno faro do Roncudo sinala un dos tramos máis bravíos da costa galega. Moi próximo aos famosos percebes da zona, o seu perfil sinxelo destaca entre penedos batidos polo mar.
Faro de Laxe
Marca a entrada da enseada de Laxe. A súa estrutura é sinxela, pero o seu emprazamento permite contemplar o mar e o porto dende unha posición elevada e tranquila. Nas proximidades atópase tamén a coñecida "Escultura da Espera".


Baliza de Laxe coa Escultura da Espera en primeiro plano
Faro Vilán (Camariñas)
Primeiro faro eléctrico de España (1896), ergueito sobre un terreo agreste e exposto, o Vilán destaca tanto pola súa arquitectura como pola contorna natural e resiste a forza do vento atlántico coma un antigo centinela. Forma parte dun espazo natural protexido e está moi vencellado á traxedia do Serpent.

Faro Vilán
Faro de Muxía
De menores dimensións pero ben situado na contorna do santuario da Virxe da Barca, o faro de Muxía ofrece unha imaxe serena entre pedras e ceo aberto. Nas inmediacións está tamén a baliza do Lago, un sinal máis modesto que se integra cunha paisaxe de notable beleza.

Faro de Muxía

Faro baliza do Lago
"A fin do mundo" para os antigos romanos segue sendo hoxe un lugar de atracción. O faro, en funcionamento dende 1853, sitúase sobre un promontorio de vistas espectaculares. Ademais do seu valor histórico e simbólico, é un dos puntos máis visitados da Costa da Morte.

Faro de Fisterra .
Faro de Lariño
O faro de Punta Ínsua, ou faro de Lariño, é un dos faros máis fotoxénicos da costa coruñesa, recentemente rehabilitado para uso turístico. A súa silueta branca e o seu illamento ofrecen unha imaxe moi recoñecible. Está situado preto do monte Louro e das praias de Carnota.

Faro de Lariño
Faro de Louro
Situado na parroquia de Louro, no concello de Muros, este pequeno faro sitúase nun entorno costeiro de grande beleza, entre a praia de Area Maior e o Monte Louro. A súa silueta branca destaca entre os tons escuros da rocha e os verdes da paisaxe, ofrecendo unha estampa que conxuga natureza e arquitectura marítima en estado puro.

Faro de Louro
Faro de Corrubedo
Situado nunha zona de dunas e espazos protexidos, o faro de Corrubedo leva operativo dende mediados do século XIX. Cumpre unha función importante á entrada da ría de Arousa e ofrece un entorno natural de gran valor.

Faro de Corrubedo

Faro de Corrubedo ao anoitecer
Outros faros que tamén contan...
Hai faros que, por diferentes razóns, non puiden incluír con imaxes propias, pero que merecen ser mencionados. É o caso da Torre de Hércules (único faro romano do mundo en activo, declarado Patrimonio da Humanidade), do faro de Touriñán, no punto máis occidental de Galicia, ou do faro de Estaca de Bares, que marca o punto máis setentrional da península ibérica. Todos son parte fundamental do noso patrimonio marítimo.
Luces que guían, espazos que marcan
Cada faro ten a súa historia e a súa personalidade. Neste percorrido tentei amosar unha pequena mostra da variedade de formas, situacións e atmosferas que ofrecen. Fotografar faros é, tamén, achegarse a eses lugares que marcan o paso do tempo, e que acompañan silenciosamente o movemento do mar.
Galicia ten moitas formas de contarse: esta foi feita de costa, de vento, de luz..., e de fotografías.
Fotografías: ©Juan Carlos Asorey
A fotografía profesional pode marcar a diferenza na percepción dos teus proxectos. Se queres imaxes que transmitan profesionalidade, calidade e impacto, estou aquí para axudarche. Contacta comigo e vexamos como realzar a túa visión a través da fotografía.