Moito máis que almacéns de cereais

Arquitectura e Patrimonio - Comentarios -

HÓRREOS DE GALICIA

Arquitectura popular, paisaxe e memoria

Juan Carlos Asorey Fotografía - ho-rreos_de_galicia_23-ts20260812095509296187.jpg

O hórreo de Ozón (Muxía), un dos máis longos de Galicia, resume boa parte dos valores que fan destas construcións un dos grandes símbolos da arquitectura popular galega.

Poucos elementos identifican tanto a paisaxe galega como os hórreos. Espallados por aldeas, vilas, pazos, mosteiros e casas de labranza, forman parte da nosa historia desde hai séculos e son un dos mellores exemplos da arquitectura popular de Galicia.

Naceron para almacenar e conservar as colleitas, pero co paso do tempo convertéronse tamén nun símbolo do rural galego. Hoxe seguen formando parte da paisaxe e lembran unha forma de vivir estreitamente ligada á terra, ao clima e ao aproveitamento dos recursos naturais.


Un patrimonio que segue vivo

Desde hai décadas, os hórreos forman parte do patrimonio cultural galego como bens etnográficos inmobles protexidos pola Lei do Patrimonio Cultural de Galicia.

En 2026 recibiron un novo recoñecemento coa declaración dos hórreos do norte peninsular como Manifestación Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial. Unha decisión do Goberno de España que pon tamén o foco nos coñecementos, nos oficios e nos usos tradicionais asociados a eles en Galicia, Asturias, Cantabria, León e o País Vasco.

Ao final, un hórreo fala de moitas máis cousas ca da propia construción. Fala das persoas que o levantaron, das familias que o empregaron e dunha maneira de vivir que deixou unha fonda pegada na paisaxe galega.

Nesta reportaxe menciono algúns dos hórreos máis coñecidos de Galicia, pero tamén a outros menos populares. Todos teñen algo que contar e, xuntos, axudan a comprender mellor unha parte esencial da nosa historia.

Juan Carlos Asorey Fotografía - ho-rreos_de_galicia_17-ts20260714162809320654.jpg

Hórreo do Pazo de Xerlís (A Estrada, Pontevedra)

Juan Carlos Asorey Fotografía - ho-rreos_de_galicia_20-ts20260714162822997848.jpg

Hórreo pertencente a un pequeno pazo no Concello de Vedra (A Coruña)


Moito máis que almacéns de cereais 

Antes da chegada dos sistemas modernos de almacenamento, conservar o gran durante meses era fundamental para a supervivencia das familias. Foi desa necesidade da que naceu o hórreo.

A súa estrutura permitía que o aire circulase libremente entre as táboas de madeira ou polas fendas dos muros, favorecendo a ventilación das colleitas. Ademais, ao elevar a cámara sobre o chan, reducíase a humidade e dificultábase o acceso dos roedores e doutros animais.

Aínda que o millo é o cultivo que máis rapidamente asociamos aos hórreos, tamén servían para gardar trigo, centeo, fabas, legumes, castañas, noces e outros produtos agrícolas, dependendo da comarca e da época. 

Aínda hoxe non é raro atopalos cumprindo funcións semellantes: secar castañas, gardar ferramentas ou conservar pequenas colleitas destinadas ao consumo da casa. Así pois, nalgúns lugares seguen formando parte da vida diaria, aínda que xa non teñan o protagonismo doutros tempos.

Juan Carlos Asorey Fotografía - ho-rreos_de_galicia_4-ts20260714162716230120.jpg

.

Juan Carlos Asorey Fotografía - ho-rreos_de_galicia_8-ts20260714162729176863.jpg

.

Juan Carlos Asorey Fotografía - ho-rreos_de_galicia_15-ts20260714162741340879.jpg

Un país de moitos xeitos de construír

Aínda que todos responden á mesma función, non existe un único modelo de hórreo galego. Ao longo dos séculos, cada comarca foi desenvolvendo solucións propias segundo o clima, os materiais dispoñibles, os sistemas tradicionais de cultivo e mesmo a disposición das vivendas.

A imaxe máis coñecida é a do hórreo elevado sobre piares de pedra rematados por tornarratos, unha solución que favorecía a ventilación e dificultaba o acceso dos roedores. Pero esa non é, nin moito menos, a única tipoloxía existente.

Moitos hórreos aséntanse sobre apoios transversais continuos de pedra que dividen a parte inferior en varios ocos abertos. Cada un destes espazos recibe o nome de claro, un termo empregado habitualmente para describir e mesmo medir a lonxitude dun hórreo segundo o número de claros que presenta.

Co paso do tempo tamén apareceron novas solucións construtivas. En moitas comarcas do interior son frecuentes os hórreos levantados con ladrillo, bloque ou formigón, apoiados sobre estruturas continuas que permiten aproveitar o espazo inferior como almacén, leñeira ou dependencia auxiliar.

Noutras zonas, como a Costa da Morte, poden atoparse exemplos integrados en pequenos recintos agrícolas ou levantados sobre outras construcións auxiliares. Tamén existen hórreos construídos sobre os portais de acceso ás vivendas, aos que se accede mediante escaleiras laterais para aproveitar ao máximo o espazo dispoñible.

Nas serras orientais, como Os Ancares, predominan modelos máis compactos, habitualmente de planta cadrada. A madeira convive coa pedra de lousa, moi abundante na zona, e ata hai poucas décadas moitos conservaban cubertas de palla de centeo, perfectamente adaptadas ao clima de montaña.

Esta variedade tamén se aprecia nos nomes cos que se coñecen. Segundo a zona de Galicia podemos atopar denominacións como cabazo, cabaceiro ou canastro, termos que fan referencia a unha mesma idea: conservar os alimentos aproveitando a ventilación natural. Nalgúns casos tamén identifican pequenas diferenzas construtivas, aínda que o seu significado e uso cambian dunha comarca a outra.

Juan Carlos Asorey Fotografía - ho-rreos_de_galicia_14-ts20260714162958815016.jpg
Juan Carlos Asorey Fotografía - ho-rreos_de_galicia_13-ts20260714162913242887.jpg

Hórreos con cuberta de lousa e de palla no Piornedo (Cervantes, Lugo)

Juan Carlos Asorey Fotografía - ho-rreos_de_galicia_25-ts20260811151142638948.jpg




.

Juan Carlos Asorey Fotografía - ho-rreos_de_galicia_10-ts20260811151214676884.jpg

Hórreo en Siador (Silleda, Pontevedra) e hórreo en Vilarxubín (A Pontenova, Lugo)


Os grandes hórreos galegos
Cando se fala dos grandes hórreos de Galicia, o primeiro nome que adoita aparecer é o de Carnota (34 m.). A súa monumentalidade, o seu excelente estado de conservación e a súa declaración como Monumento Nacional convertérono, con razón, no hórreo máis coñecido de Galicia. Ademais, é probablemente o mellor representante do chamado hórreo fisterrán, característico da fachada atlántica. Por iso, cando falamos dos hórreos máis grandes convén facer algunha matización.

O hórreo de Araño (37,5 m.), en Rianxo, é actualmente o máis longo de Galicia e do mundo. A súa estrutura presenta ademais unha particularidade pouco habitual, xa que se apoia sobre unha base corrida de pedra, en lugar de facelo sobre piares independentes, como ocorre na maioría dos hórreos tradicionais.

Moi preto de Carnota atópase tamén o hórreo de Lira (36,53 m.), outro dos exemplos da arquitectura popular galega, que supera en lonxitude ao de Carnota e confirma a extraordinaria concentración de hórreos monumentais na costa occidental galega.

Pola súa banda, o hórreo do Mosteiro de San Xoán de Poio (33,46 m.), destaca por ter a maior superficie e volume interior de Galicia grazas á súa excepcional anchura e os 51 pés de pedra que o sustentan. Un bo exemplo de que a lonxitude non sempre é o mellor criterio para medir a monumentalidade destas construcións.

Entre todos eles tamén merece unha mención especial o hórreo de Ozón (27,3 m.), en Muxía, outro dos máis longos de Galicia e unha das grandes referencias da arquitectura tradicional da Costa da Morte.

E, como estradense, non podo deixar de mencionar tamén o hórreo de Ribela (22,2 m.). Ademais das súas dimensións, chama a atención polo avanzado estado de deterioro no que se atopa. A súa conservación segue a ser unha das grandes tarefas pendentes do patrimonio etnográfico galego.

É frecuente atopar hórreos de grandes dimensións asociados a mosteiros, pazos e casas señoriais, onde a maior capacidade de almacenamento respondía ás necesidades dunha explotación agrícola de maior tamaño.

Cada un destes hórreos ten a súa propia historia. Uns destacan polas dimensións, outros pola súa arquitectura, outros polo seu valor histórico ou pola necesidade de garantir a súa conservación. Todos eles axudan a entender por que os hórreos son unha das expresións máis valiosas da arquitectura popular galega.

Juan Carlos Asorey Fotografía - ho-rreo-de-aran-o_rianxo_3-ts20260810155731133453.jpg

Hórreo de Araño visto desde o exterior do recinto no que se atopa (Rianxo, A Coruña)

Juan Carlos Asorey Fotografía - ho-rreos_de_galicia_9-ts20260714163948918089.jpg

Detalle lateral do hórreo do Mosteiro de San Xoán de Poio (Pontevedra)

Juan Carlos Asorey Fotografía - ho-rreos_de_galicia_24-ts20260714172817558783.jpg

Hórreo de Ozón (Muxía, A Coruña)

Juan Carlos Asorey Fotografía - ho-rreo_do_cura_de_ribela_aestrada-ts20260810101431830215.jpg

Hórreo de Ribela (A Estrada, Pontevedra)


As eiras de hórreos 

Nalgúns lugares de Galicia, especialmente onde convivían numerosas explotacións agrícolas, os hórreos deixaron de aparecer de forma illada para formar auténticos conxuntos.

Son as coñecidas eiras de hórreos, espazos onde varias destas construcións se agrupan compartindo unha mesma contorna. Máis alá da súa espectacularidade visual, constitúen un excelente exemplo de organización comunitaria do territorio.

A maior concentración de hórreos atópase na vila de A Merca (Ourense), onde se agrupan 34 destas estruturas, pero conxuntos como os de Combarro, A Eira da Hermida ou Imo tamén permiten comprender a importancia que chegou a ter esta arquitectura na vida cotiá das vilas e aldeas galegas, e converten estas localizacións en auténticos museos ao aire libre.

Cada hórreo conserva a súa personalidade, pero o conxunto crea unha imaxe difícil de atopar noutros lugares do mundo.

Juan Carlos Asorey Fotografía - ho-rreos_de_galicia_5-ts20260810094955142440.jpg

Eira da Hermida (Cerdedo-Cotobade, Pontevedra)

Juan Carlos Asorey Fotografía - eira_da_lavandeira_imo_dodro-ts20260810094245983616.jpg

Eira da lavandeira de Imo (Dodro, A Coruña )

Juan Carlos Asorey Fotografía - ho-rreos_de_galicia_2-ts20260810095016396304.jpg

Combarro (Pontevedra), con algúns dos seus hórreos en primeira liña


O hórreo de Fincheira: cando un pobo defende o seu patrimonio 

Algúns hórreos destacan polas súas dimensións. Outros, pola súa arquitectura. Pero hai casos nos que o verdadeiro valor reside na historia que agochan.

É o caso do hórreo de Fincheira en Rianxo, coñecido por ter pertencido ao pai de Castelao, Mariano Rodríguez Deus.

Co paso dos anos, o hórreo converteuse nun símbolo da memoria colectiva da parroquia. Cando a súa continuidade estivo ameazada, a resposta da veciñanza foi exemplar. A mobilización popular conseguiu evitar a súa desaparición e impulsar a súa conservación, converténdoo nun exemplo de como a implicación dunha comunidade pode contribuír á protección do patrimonio.

Máis alá da súa relación coa figura de Castelao, o hórreo de Fincheira lembra que o patrimonio non se conserva só grazas ás leis ou ás administracións. Tamén permanece vivo porque hai persoas dispostas a defendelo cando corre perigo.

Juan Carlos Asorey Fotografía - ho-rreo-de-fincheira_rianxo_1-ts20260811151843927644.jpg
Juan Carlos Asorey Fotografía - ho-rreo-de-fincheira_rianxo_2-ts20260810095314622095.jpg

Hórreo de Fincheira, na actualidade tristemente mimetizado co entorno urbano de Rianxo


Un hórreo moi especial

Todos temos un lugar que forma parte da nosa memoria. No meu caso, un deses lugares é o hórreo da casa familiar da miña nai.

Dos meus primeiros recordos gardo unha imaxe moi concreta. Na parte inferior había varias cortizas destinadas ás abellas. Durante un tempo só unha delas permaneceu ocupada, ata que un día o enxame levantou o voo e nunca máis regresou. Co paso dos anos, aquel espazo pasou a empregarse simplemente para gardar leña miúda, un pequeno exemplo de como os hórreos tamén foron adaptando os seus usos á evolución da vida no rural.

Tempo despois, aquel hórreo apenas se usaba para secar algunhas noces ou castañas. Co permiso da miña nai, decidín acondicionalo e convertelo na miña pequena cabana. Alí pasei moitas horas lendo, xogando con algún amigo ou simplemente observando o que sucedía arredor da casa.

Juan Carlos Asorey Fotografía - ho-rreos_de_galicia_3_-ts20260810154450270087.jpg

Hórreo familiar


Sabías que...?

● A palabra hórreo procede do latín horreum, que designaba un almacén destinado á conservación de cereais e outros alimentos.

● En Galicia existen milleiros de hórreos, aínda que resulta difícil establecer unha cifra exacta debido á enorme variedade de tipoloxías e ao continuo descubrimento e catalogación de exemplares.

● Os característicos tornarratos, colocados entre os apoios e a cámara do hórreo, reciben ese nome porque dificultaban que os roedores puidesen acceder ás colleitas.

● A orientación e a situación dos hórreos non eran aleatorias. Procurábase aproveitar o vento dominante para favorecer a ventilación natural e evitar a acumulación de humidade.

● A cruz e o pináculo que rematan moitos hórreos teñen un forte valor simbólico. Ademais da súa función decorativa, tradicionalmente interpretáronse como elementos de protección da colleita.

● Galicia eríxese coma un dos territorios europeos con maior concentración deste tipo de arquitectura tradicional.

Juan Carlos Asorey Fotografía - ho-rreos_de_galicia_21-ts20260716095025646677.jpg


Hórreo na Costa da Morte 

Juan Carlos Asorey Fotografía - ho-rreos_de_galicia_22-ts20260716095036905683.jpg

Parte inferior do hórreo de Ozón, na que se observan claramente os tornarratos


Fotografar para conservar

Cada hórreo é diferente. Cambian os materiais, as proporcións, os detalles construtivos e mesmo a maneira de integrarse na paisaxe. Pero todos comparten algo esencial: son testemuñas dun modo de vida que explica boa parte da historia de Galicia.

Cando fotografo un hórreo non busco só documentar unha construción tradicional. Interésame comprender como se relaciona coa paisaxe, coa aldea e coas persoas que o construíron e utilizaron ao longo das xeracións.

Quizais esa sexa unha das grandes virtudes da fotografía de patrimonio: invítanos a observar con máis atención aquilo que, de tan próximo e cotián, ás veces deixamos de ver.

Os hórreos que aparecen nesta reportaxe son só unha pequena mostra da extraordinaria riqueza deste patrimonio. Espallados por aldeas, lugares e vilas de toda Galicia, existen milleiros deles, cada un coa súa propia historia, coa súa personalidade e coa súa maneira de relacionarse coa contorna. Retratalos todos sería unha tarefa imposible... e, ao mesmo tempo, é precisamente iso o que fai tan apaixonante seguir descubríndoos.


Fotografías: Juan Carlos Asorey

A fotografía profesional pode marcar a diferenza na percepción dos teus proxectos. Se queres imaxes que transmitan profesionalidade, calidade e impacto, estou aquí para axudarche. Contacta comigo e vexamos como realzar a túa visión a través da fotografía.


Compartir 

Deixa o teu comentario
O teu enderezo de correo electrónico non será publicado

3 + 6 =
Últimas entradas
Categorías
Ver anterior