Entre a pedra, o tempo e a curiosidade:
Un percorrido persoal polos mosteiros galegos desde unha ollada arquitectónica, vital e fotográfica

Mosteiro de Santa María de Oseira (Cea, Ourense)
O tempo detido entre as pedras
Galicia está sementada de mosteiros. Uns ben coñecidos, outros agochados entre as pedras ou entre o verde dos vales e fragas. Uns perfectamente conservados, outros en estado ruinoso, pero todos con algo que os fai especiais. E aínda que hoxe moitos perderon a súa función orixinal ou viven nun estraño limbo entre o abandono e o interese patrimonial, todos eles son lugares que conseguen espertar algo en min.
Sempre me chamaron a atención. Fascíname a súa arquitectura, sí, pero tamén esa outra parte máis difícil de explicar: o que imaxino que foi a vida neles, os silencios, as rutinas, a organización, o traballo e mesmo a forma de entender o mundo desde dentro dos seus muros. Non sei, tal vez fose polo moito que me marcou a novela e o filme O nome da rosa. Algo me atrapou daquela abadía: claustros envoltos en néboa, corredores de pedra fría, bibliotecas con segredos e monxes a medio camiño entre o ascetismo e a humanidade.

Mosteiro de Santa María de Melón (Ourense)

Mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadañedo (Ourense)

Claustro do mosteiro de Oseira
Co tempo, a fotografía axudoume a achegarme a estes espazos desde outra perspectiva, porque ademáis de captalos como edificios antigos, intento facelo como un "deter o tempo", entendendo a luz e, sobre todo, escoitando o que queda. Ese algo invisible que flota no aire cando estás só diante dunha igrexa románica ou baixo un arco de medio punto.
Neste artigo comparto unha selección de mosteiros galegos que tiven ocasión de visitar e fotografar. Sen pretensións enciclopédicas, pero con vontade de poñer en valor un patrimonio que é tan impoñente como fráxil.
Un percorrido por lugares únicos
Entre os mosteiros galegos hai auténticas xoias que deberían formar parte do imaxinario colectivo. Algunhas, por sorte, aínda están en uso ou rehabilitadas. Outras loitan por sobrevivir á intemperie. En calquera caso, todas forman parte dun patrimonio que fala tanto de arquitectura como de historia, de espiritualidade, de arte e tamén de vida.
Oseira é, sen dúbida, o mosteiro que persoalmente máis me impresiona. Desde a primeira vez que o visitei, deixoume unha fonda pegada. Hai algo na súa presenza, na súa maxestuosidade, na súa localización… algo que me fai querer sempre volver.
Coñecido como "o Escorial galego", é un dos mosteiros máis espectaculares de Galicia. Fundado no século XII e habitado polos cistercienses, destaca pola súa grandiosidade e pola sobriedade da súa arquitectura. O seu claustro, a igrexa e as escaleiras interiores conforman un espazo de gran forza visual, que convida ao silencio e á contemplación.

Oseira: Fachada da igrexa do mosteiro

Oseira: Corredor interior

Pero Oseira non é a unica xoia entre os mosteiros de Galicia, tamén están os de San Estevo e Santa Cristina de Ribas de Sil, encaixados no corazón da Ribeira Sacra; o impresionante complexo de Sobrado dos Monxes; o encanto de San Pedro de Rocas, escavado na pedra; a elegancia de Armenteira, San Clodio e Monfero; ou a sobriedade de Montederramo, Trandeiras, Meira ou Melón. E outros que, aínda que en estado de ruína parcial como San Paio de Abeleda ou Santa María de Ferreira de Pallares, seguen mantendo unha forza visual e simbólica innegable.






Todos me ofreceron a oportunidade de mirar, encadrar e entender mellor non só as súas formas, senón a súa presenza na contorna. Algúns álzanse no alto, dominando a paisaxe. Outros escóndense entre vales húmidos, coma se buscasen pasar desapercibidos. En todos eles, a luz xoga un papel crave. Ás veces cóase entre os arcos dun claustro. Outras, entra en silencio por unha porta entreaberta ou acariña unha columna gastada polo tempo.

San Facundo de Ribas de Miño (Lugo).

Mosteiro de Santa María de Armenteira (Meis, Pontevedra)

Mosteiro de Santa María de Meira (Lugo)
Mirar con intención

Mosteiro de Santa María de Monfero (A Coruña)

Claustro do mosteiro de Santa María de Ferreira de Pallares (Lugo)

Restos do mosteiro de San Paio de Abeleda (Ourense)

Portada principal da igrexa do mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras (Ourense)
Os mosteiros son espazos que ofrecen infinitas posibilidades. Son lugares onde o paso da luz, o silencio e a memoria constrúen escenas únicas. E para quen se dedica ao deseño, á paisaxe ou á fotografía, os mosteiros galegos seguen sendo fontes de inspiración e aprendizaxe.
Para min, fotografar estes lugares é unha forma de atención e respecto, pero tamén de interpretación. Non se trata só de documentar o que se ve, senón de compartir o que evocan: formas de vida, paisaxes interiores, ritmos distintos… e unha relación co espazo e o tempo que hoxe nos resulta afastada.
Oxalá este pequeno percorrido sirva para darlles visibilidade e para lembrar que seguen aí, entre o visible e o imaxinado...
Fotografías: ©Juan Carlos Asorey
A fotografía profesional pode marcar a diferenza na percepción dos teus proxectos. Se queres imaxes que transmitan profesionalidade, calidade e impacto, estou aquí para axudarche. Contacta comigo e vexamos como realzar a túa visión a través da fotografía.